Cartafol de recursos para embarazadas para animar a usar o galego na comunicación familiar
Animar os pais e as nais a introducir o galego na comunicación cos seus fillos e fillas desde os primeiros momentos. Ese é o principal obxectivo do cartafol Xeración dos Axóuxeres, unha iniciativa da SXPL que está pensada para acompañar as mulleres e as súas parellas durante o derradeiro tramo do embarazo
A Secretaría Xeral de Política Lingüística distribuirá, a través dos centros de saúde, 10.000 exemplares dun cartafol de recursos entre todas as embarazadas que se atopen no terceiro trimestre de xestación.
O cartafol Xeración dos Axóuxeres consiste nunha compilación de materiais divulgativos nos que se ofrecen recursos para a incorporación da lingua galega desde o plano afectivo, con argumentos e recursos prácticos. No disco No colo da fala, producido por Xabier Díaz e Guillerme Fernández, ofrécense cancións para que os pais e nais poidan escoitalo cos seus fillos e fillas e mesmo aprender as nanas para cantárllelas eles/as mesmos/as.
Tamén se inclúe unha tarxeta onde anotar os momentos especiais vividos durante o embarazo, un repertorio de recitados e de xogos de iniciación que os pais e nais poden compartir cos pequenos da casa, unha escolma de nomes galegos, un adhesivo para o coche e un babeiro que convida a grandes e pequenos a botarse a falar galego co lema “Comer e falar todo é empezar!”.
Axóuxeres na rede: un espazo para a participación das familias
A secretaría xeral habilitou o espazo webhttp://www.xunta.es/linguagalega/xeracion_axouxeres para que todas as familias con bebés poidan acceder aos materiais que se inclúen no cartafol. Ademais, enhttp://www.xunta.es/linguagalega/construe_os_axouxeres_connosco, os pais e as nais tamén poden compartir experiencias vividas na crianza dos seus fillos e fillas: as anécdotas máis divertidas na aprendizaxe da lingua, os nomes cariñosos que empregaban os avós e as avoas para se dirixiren aos netos, as súas preguntas máis curiosas ou os libros en galego que máis lles gustan son as temáticas que vertebran este espazo participativo.